Para Barcino (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/06/2001)

Respondo de novo a unha das asiduas notas de Ramón Varela, galego de “Barcino” que le este xornal por vía da interrede. E vou por partes:
Sempre critiquei o poder político, desde que no ano 77 decidín non formar parte de ningunha organización partidaria. Fago lexión cos que cren no galeguismo, admito os matices, bato nas “chafalladas e a desidia” dos administradores e desprezo a “funcionarización do intelectual orgánico”.
Á Xunta de Galicia hai que lle defender adiantos que mudaron a face do Impaís (e poderíame estender en materias da miña profesión) pero canto ao idioma, se cadra, acertas: “interésalle moi pouco e a súa táctica é non ter táctica”. Pregúntalle ao máis fracasado dos administradores que xamais pisaron San Caetano: Manuel Regueiro Tenreiro (bo home, sen embargo).
A Librería Arenas da Coruña éche unha máis a “agachar as novidades en galego”. Alfredo Conde é escritor profesional. EDHASA, a súa editora, unha empresa de Barcelona. E os coruñeses, como o resto dos galegos, compran o que manda PRISA (ou, se non, como se entende A man dos paíños?)
En Galicia “os pais non poden educar os seus fillos en galego desde a gardería”. Pregúntalle o por que ao Celso Currás (mestre por formación). E a quen che pareza da Consellería de Educación o que pensa sobre o ensino sistemático de galego, portugués, castelán e latín.
Finalmente, na túa Cataluña de acollida os consellos da Generalitat e os de administración das empresas transcorren en catalán.
Velaí, logo polo que ese país non é un impaís paupérrimo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*