Policía (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/06/2001)

<

p align=”justify”>Que “España va bien” dío el coa súa voz de pito pedichón, e dificilmente, pola parálise do labio superior mal disimulada cun mostacho.
España vai como vai, daquel xeito, que moito peor iría se as grandes potencias non nos tivesen obrigado a sermos europeos.
En España as cousas van mal en moitos eidos, como por exemplo o da investigación científica útil, aplicable; ou o da policía que agarre transgresores da lei e os poña no seu sitio, mesmo no cemiterio se cómpre.
Seica as cousas andan quentes porque os cacos tradicionais están a ser substituídos por tipos duros procedentes de mundos rotos nos que todo vale, como na guerra, pois que na guerra viven.
Hai grandes discusións sobre a seguranza de persoas e facendas, e persoeiros maiores falan de que cada boi se lamba como poida; ou sexa: que, quen teña para pagala, contrate “seguridade privada”, gardacostas e gorilóns…
Manda truco, señor Estado. Cousas para as que todos somos absolutamente iguais, como o ensino, a sanidade e a seguranza (por non falarmos da xustiza), pódense converter por vía do negocio privado en miseria ou luxo dependendo dos teres e haberes de cadaquén.
Malo, presidente. Déixese de trangalladas. Non me compare un garda civil, nacional, autonómico ou local cun deses nachos que se atreven a reter un cidadán honrado porque non teñen licencia para deteren un ladrón.
Non me faga contar desde estas liñas como, nun centro comercial, a Policía Nacional me tivo que vir liberar dos “privados”…
Se quere, privatice a Moncloa; pero a rúa, non.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*