Defensa (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/06/2001)

<

p align=”justify”>Na calor abafante do verán que nos declararon os incendios, a vista do mar ao lonxe é tentadora. Pero non hai tempo para baños: na mesa do restaurante desde o que se miran camiños líquidos cara ás Illas Británicas e ás Américas estase a falar de negocios técnicos entre civís e militares.
A conversa vaise adensando como o viño, do branco galego ao tinto da Rioxa, e abandona o estrictamente propio de enxeñeiros para entrar no que afecta a todos os cidadáns: a defensa do corpo social que todos constitúen.
Un civil lembra a conversa próxima cun amigo almirante, empeñado en conectar dous mundos desconectados por culpa de cento cincuenta anos de espadóns salvadores da (súa) Patria. “Desde que a mili non é obrigatoria -dixera o mariño- a xente coida que a Defensa non ten nada que ver con ela”
A Defensa -con maiúscula- aparece hoxe en España como unha entelequia da que quixeran vivir suxeitos trasnoitados e uniformados. Os “modernos” de arestora só pensan en hipóteses oenegueiras. Aínda máis -concordan todos os comensais- o persoal de a pé pola rúa só se lembra de Santa Bárbara cando trona en forma de bomba ou tiro terrorista.
Daquela, sempre hai un ministro que pide “colaboración cidadá”.
Pero aínda pode haber situacións máis graves…
Mar ao fondo, con chanzas sobre recrutas crioulos para os que descarrilou o Talgo, coméntanse dous modelos coincidentes de integración cívica na defensa global:
Os de Suíza e Cuba, sistemas sen embargo tan distintos coma unha democracia federal e unha tiranía centralista.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/06/2001]

Share

Deixar unha resposta