Fume (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/06/2001)

Cando isto escribo as fiestras da miña casa están abertas por culpa da calor, e por elas entra un fume picante que dá tentacións de pechalas: sufrimos un incendio próximo, quizais da banda do sur, dos montes abandonados nos que foran terreos do concello de Oza.
Distintos xornais galegos contan o mesmo: arden os montes no rito de sempre. Os galegos, na súa necesidade de desapareceren, deixan de ter fillos, abandonan o idioma patrimonial e estragan a maior riqueza que Natura lles deu: dous millóns de hectáreas de solo apto para o bosque…
O pasado domingo, vendo a lombos da Aixa os resultados das primeiras queimas, lembrei unha conversa entre o Xusto López Carril (quen pronuncia tan levemente o xe que parece autoproclamarse Susto) e Carlos del Álamo (castelanfalante disposto a expresarse nun galego que sería bo se o axudasen na práctica: se o galego fose o idioma da Administración Galega).
Dicía Del Álamo que esta temporada de queimas vai ver a intervención dos soldados, e preguntábame eu se eses soldados van andar a pé, en moto, en coche… ou a cabalo.
De todo o dispositivo de vixilancia da consellería de Medio Ambiente falta ás claras a patrulla a cabalo, que permite chegar a onde a pé se tarda moito e en vehículo con motor non se dá chegado.
Cabalos cos cascos forrados e xinetes en silencio poden ser o elemento de sorpresa con que non contan os delincuentes.
Se cadra, no Exército aínda fican recursos do que foi unha disciplina e unha técnica que moito pode axudar no caso.
Todo é probar, don Carlos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/06/2001]

Share

Deixar unha resposta