Sucedáneo (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/06/2001)

Foi día de calores mestas e columnas de fume a se desfaceren horizontalmente, ensuciando o ceo para anuncio de que nos achegamos ao San Xoán Trouleiro: antes das fogueiras, os incendiarios comezaron o seu traballo.
Con fumes no horizonte, desde Ourense a Ferrol veume ver un amigo dos que se empeñan en que haxa informática e telecomunicacións na Galicia convertida en bosque de eucaliptos.
Despois de “fenecer” en Fene, esfogueado, apareceu pola Cabana, sobre unha paisaxe de auga calma e garzas quietas. Convideino a percorrer o paseo marítimo (aínda non estreado e xa vandalizado) e falamos das diferencias entre unha cidade do interior e outra da costa.
Fíxome lexítima loanza das Burgas e anunciou que o concello ourensán pretende facer un balneario naquel recanto afundido. Imaxinei o amigo Manuel Cabezas inaugurando uns baños turcos e, un pouco por amolar con comarcalismos, faleille dos baños de Arteixo ao fillo da Auriens historiosa.
A seguir describinlle as praias da miña predilección, entre elas a de Cariño de Ferrol, desde a que ollo os edificios da Coruña tras dos que está a miña casa, sempre con vontade de chegar a nado ata a praia de Oza.
Entón el, xa convencido da superioridade do Arco Ártabro sobre o Miño en materia de refresco, contoume que, nas tórridas horas do xantar do estío ourensán, a súa secretaria sae para unha terraza do edificio con bikini e un pulverizador de regar as plantas.
Dese xeito seica se libera de complexos cando, na fin de semana, se vai deitar nas areas do Canido de Vigo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*