Soidade (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/06/2001)

<

p align=”justify”>En Lugo entrei con chuvia. Atristureime pola Rúa da Soidade. Na praza que goberna a vella cidade chovía tristemente. Esperaba por min, traxeado e cordial, Antonio Rodríguez Maira, que coida dos intereses da federación dos libreiros. Un grupo de gaitas e pandeiros esperaba iniciar música baixo os soportais do concello. Vaga e raramente, algunhas persoas miraban as casetas da Feira do Libro.
Aos poucos foron chegando os concelleiros e tivemos a cortesía de agardarmos polo máximo representante dos cidadáns.
Mentres chegaba falei dabondo con dous vendedores de libros escritos en galego, Roberto Irimia e Manuel Méndez. Con eles confirmei o desastre que xa me anunciara un colega seu, Pedro Blanco: non se vende nada.
Nada, en galego. Só se vende o que manda a televisión feita en Madrid: producto feito (ou traducido) en castelán, de calquera personaxe que saia con frecuencia nese medio…
Viña eu a Lugo a botar discurso inaugural da feira. E boteino, con desafío para os políticos, principalmente para Celso Currás. O ensino en Galicia é un fracaso -dixen- a punto de que mata toda hipótese de hipotético bilingüismo. Os rapaces só dominan, malamente, o castelán. E diso sabemos os profesores universitarios.
Os dereitos de autor non deixan de baixar, ano a ano; mesmo para autores que poden -podemos- falar sen resentimento, con agradecemento á acollida de unha chea de obras populares.
Pero, en xeral, non se le. Non se compra libro galego. Nada.
O alcalde, bonacheirón, perdoa a impertinencia do escritor que sente a soidade de quen escribe sen base social, sen pobo que o acompañe.
Di que é un desafío, que servirá para o debate.
Oxalá.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*