Castropepe (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/06/2001)

De novo no Impaís, atravesada de volta a coiraza da Pedrafita. Lugo, provincial e extenso, recibe con chuvia. Atrás, cores de seara, viña e devesa en terras que non queren ser da Castela. Dúbidas dos nacionalismos sen lingua propia: os charros dominan a fala inventada na Rioxa a forza de negocios cos vascos; pero néganse a que os domine Valladolid…
Pasei lugares de nomes rechamantes: Manganeses de la Lampreana, Cazurra, Castropepe… Mirando un letreiro de desviación a Castroverde, lembro Castropepe e comezo a gravar para despois escribir o gravado.
España aínda non está feita. Europa enfronta dous modelos, o francés de nacións-estados (que fai auga por Córsega) e o alemán federativo que leva a un supraestado con base nas rexións…
Lembro, de Salamanca, un encontro e unha conversa. Encontro cun rapaz brasileiro a facer calquera master. Falou dunha “palabra única entre todas as das linguas do mundo”, que pertence unicamente a un idioma: “saudade”, do portugués que dá cohesión á inmensidade plural do Brasil.
Agora o mozo xa sabe que existe o galego, con dúas versións desa palabra, a formal e a popular, “morriña”, recollida mesmo no castelán dos diccionarios.
A conversa, oída, referíase ás tribulacións de España na Arxentina. Un profesor ecuatoriano dirixíase a un grupo de estudiantes ianquis asegurando, rotundo, que a CIA está a provocar desordes laborais en toda Iberoamérica para evitar a implantación dos intereses de Unión Europea no seu “couto privado”…
Que lle pregunte Aznar a Bush, ¿nonsí?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/06/2001]

Share

Deixar unha resposta