Charradas (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/06/2001)

Ninguén sabe dicirme quen foron os sexmeros e os bermejeros (neste segundo caso, relacionados, supoño, coa tinguidura vermella). Salamanca é unha lindeza para repetir: nunha esquina da praza dos Sexmeros, onde nos xuntamos para falar de telemática, un letreiro en pedra gris di “Anno Domini 1792. Aquí mataron a un hombre. Rogad a Dios por él”…
O meu novo amigo é físico, novo, fala inglés como poucos españois, e teima con que a internet ten que chegar a todo o mundo por medio da fibra óptica, cun servicio velocísimo.
Lévame a tomar unhas cervexas diante do Novelty e cóntame que é parente do escultor que nos deixou retratado a don Gonzalo, aí sentado para sempre, mirando con ollos de verdoso metal Salamanca e o mundo que visita Salamanca.
O meu amigo é moi crítico. Di que esta cidade é unha p… m… nas mans do PP, que Inglaterra, onde viviu anos, é unha triste m…, que os ianquis son uns p… represores de todo, polo que tolean as rapaciñas americanas que andan ao noso arredor en rabaños: aquí descobren o alcohol e a noite, e acaban máis p… cás cabras.
Mentres o solpor redoura a dourada pedra de gra da praza maior salmantina meu amigo insiste en que o Martín Villa é un p… leonés que inventou esta m… de Castilla y León para que chupen os p… pucelanos. Que el é só charro e español.
Aquí –continúa– mandan os caciques e os donos das devesas dos touros, con cincocentas ou mil hectáreas. Tamén, os cregos, “que xa non fai falta fusilalos, porque, gracias a Deus, imos sendo todos ateos”…
Todo un charro, si señor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/06/2001]

Share

Deixar unha resposta