O Novelty (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/06/2001)

Salamanca recupérase da festa de San Juan de Sahagún. Con humor, os charros (ollo: non queren ser casteláns) soportan impertinencias con acento galego: as tecnoloxías da comunicación explicadas nunha casa con intrigante nome, dos Sexmeros. ¿Quen eran os sexmeros? Preto desta casona nobre está a rúa dos Bermejeros. Haberá que investigar eses oficios e ocupacións dos charros do pasado.
A Salamanca chámanme varios lectores asiduos desta columniña. Dinme que nas probas da selectividade “caeulles” aos rapaces un treito de A nosa cinza. Aproveito, pois, para pedir perdón a once mil víctimas das miñas vaidades literarias. Non me odiedes, rapaces. Espero que non me chegue a odiar a Irene, que me acaba de “falar” por teléfono. Que todo se esqueza en vinte anos…
Canso do traballo, avanzo só coa miña carteira pola rúa de Zamora chea de xente vivaz. Salamanca é un Santiago en grande, con cultura propia, expresada en propia lingua, sen traumas de harmonía (agonía) lingüística.
E volvo cara á espléndida praza maior chea de rapaciñas ianquis a mostrar o embigo. Imaxino a don Victorino conversando con don Gonzalo. Odio non poder vivir de novo, e vilos buscar en vida, como busquei en Lisboa a Rodrigues Lapa e a Guerra da Cal.
O camareiro do café Novelty non entende por que miro desa maneira a estatua de don Gonzalo. Eu si: o mestre escollera un café de nome inglés. Nada tan ferrolán.
Soan gaita, acordeón e pandeiro. Son tres estudiantes, de Burela, Cangas e Verín.
Quizais cheguen estes sons ata o cemiterio de Serantes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*