Pedrafita (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/06/2001)

Galicia desfaise axiña por autovía, ata chegar ao escudo. Pedrafita é invencible. Imaxinemos os romanos penetrando aquelas carballedas. Despois, os suevos; e tantos peregrinos, século a século. Un deles, imprescindible para quen goce con libros de viaxes, George Borrow, “don Jorgito el inglés”. Chegando á Veiga de Valcárcel, a súa pluma dispárase. Fai a descrición dun mundo tan exótico como ningún inglés do seu tempo imaxinaría: unha España luxuriosamente verde…
Esa verde luxuria está aínda hoxe por atravesar. Se algunha vez vexo o Paco Cascos, compañeiro de colexio maior, direille que vai ser o grande ministro da historia das comunicacións peninsulares: o día en que todos eses viaductos e túneles estean rematados.
Cerillita no seu Mercedes e eu no meu 600 pasamos moitas veces por unha estradiña retorta de chapapote rebentado. Despois veu o plan REDIA e algo se arranxou, pero dá xenio abandonar Galicia, a pensar que os galegos son imposiblemente españois, os máis desconectados do Centro. Galicia é imposiblemente española, malia a vontade das súas “almas rendidas” (a Madrid)…
Adeus a Galicia. Viva León. Os bercianos odian Pucela, e manchan de pintura os letreiros da Junta con capital en Valladolid.
Linda Ruta da Prata, que se debería renomear Ruta das Cegoñas. Restollos dourados das searas, aciñeiras verdinegras, veigas de verde forte, clorofílico, tal vez con alfalfa. En cada torre –de igrexa ou de liña eléctrica– un niño.
Salamanca, famosa, toda pedra ocre, recibe o visitante con foguetes na noite.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/06/2001]

Share

Deixar unha resposta