Avareza (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/06/2001)

O pasado día 11, Pablo Egerique reunía unha comisión de expertos nunha sala do edificio poderoso do Consorcio da Zona Franca viguesa. O asunto: a creación dun instituto que tome en serio o de tomar o tren –valla a redundancia– da “sociedade da información”.
Sería gratuíto facer loanza da iniciativa que dirixen persoas ben coñecidas; pero ben vale tentar a crónica do que se rexoubou fóra de horas de traballo:
Varios dos presentes viñan de Madrid (entre eles Fernando Sáez Vacas, o primeiro profesor de Informática da historia de España, home de portada de El Cultural e amigo do seus exalumnos). Todos tiñan voo de volta e apuro, e por iso non se tardou en falar dos pilotos de Iberia.
Un dos que falou con máis precisión é enxeñeiro de telecomunicación, galego, autoridade máxima en axudas á navegación aérea. Confirmou o que saben todos os profesionais da materia: que no conto de apagar os teléfonos móbiles a bordo dos avións hai –valla de novo a redundancia– moito conto.
A interferencia entre os servicios de telefonía celular e as comunicacións, internas e externas, dos avións é imposible. Ou, mellor dito: non demostrable.
Pero as compañías telefónicas e as aéreas ocúltano, “por claros intereses comerciais”, segundo o experto entre expertos.
Claramente: queren que os pasaxeiros usen un servicio de telefonía de pago a instalar nos avións…
En Vigo este día moitos dos asistentes á convocatoria da Zona Franca preguntábanse se os pilotos millonarios e avarentos tamén van quitar comisión do novo servicio.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*