Frank Baillie (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/06/2001)

Frank Baillie descendía de fidalgos escoceses (entre eles o comandante do buque británico que levou o emperador Napoleón a Elba) e cataláns (sinaladamente o médico dun don Carlos carlista que tivo corte en Trieste).
Frank naceu en Buenos Aires, educouse -en inglés- alá e en Escocia para administrar o Imperio; e acabou sendo un anglocrioulo coa maleta sempre pronta, para viaxar entre os mundos onde tiña negocios e amores.
A Galicia viña todos os anos. Nela tiña filla, netos e bisneta. Aquí acabou de entender por que os conductores de autobús en Buenos Aires na vez de diciren garaje dicían jarague. Gustaba do gheheo enxebre, do polbo e das parrochas con cachelos. E reloucaba pola gaita dos sons ancestrais.
Lía o galego con gusto e atrevíase a traducilo ao inglés da súa educación literaria. A Frank débelle a Literatura Galega partes importantes de libros exóticos como Arxentina, Viaxes no País de Elal, Nos pagos de Huinca Loo, Latitude Austral e Alén da desventura.
Arxentino con pasaporte británico, ficoulle por escribir unha crónica bufa titulada El inglés vendepatrias, mostra dos desvíos dun nacionalismo inoperante…
Cando esta notas cheguen aos lectores que o coñeceron, as cinzas do vello “capitán Baillie” serán infinitésimo das augas barrentas do Río da Prata que tanto amou, a el lanzadas desde o Ita Vero, termarán dos seus soños.
Era un amigo de Ciencias e Letras, enxeñeiro, navegante, versificador e noveleiro: unha vez díxome que, se eu me separaba da filla, el seguiría a ser o meu sogro.
Gloria haxa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*