Sonoro arquivo (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/06/2001)

O pasado día 8 e nos ricos espacios do Consello da Cultura Galega dentro da xoia do Pazo de Raxoi (que deberiamos escribir Rajoi ou Rajoy e pronunciar con xota galega) tivo lugar un acto ao que non puiden asistir con grande dor do meu peito, roto pola tose.
De feito, mentres o acto se celebraba, eu era atendido por unha médica que me preguntaba detalles tan profesionais coma o da cor das flegmas…
Tempo atrás, Antollo Montero (Monteiro á castelá, claro), sorridente e paciente xerente do Consello avisárame de que me ía chamar a Luísa Castro, poeta emigrada e retornada con triunfos novelísticos en castelán (parabéns, compañeira) para tratarmos de gravar vaidades literarias.
No seu día convocáronnos e coincidín no tempo co Freixanes e o Casares, o cal se aproveitou para a rexouba en canto iamos pasando ao estudiño de gravación.
Cadaquén gravou o que lle petou. O Freixanes e eu tomamos camiños dezaoitescos e puxemos voz a personaxes contemporáneos na aventura de descubrir a Arxentina…
Non puiden asistir á presentación de Poetas e narradores nas súas voces (Volume I) pero leo a versión alfanumérica impresa e escoito a contida nun disco óptico, ben indexado.
Do apalpado e oído, dous comentarios a penas:
Parabéns e agradecementos aos promotores e realizadores da idea, que terá presencia no servidor de información en modo web do Consello.
E traballo para os que han de ensinar Literatura Galega, porque a partir de agora contan cunha peculiar ferramenta didáctica.
Oxalá que non demore a aparición do segundo volume.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*