O patriota (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/06/2001)

Impulsado polos afogos dunha gripe nórdica (apañada ao sol frío da Noruega) fun ao médico (curiosamente, médica rusa) e, á volta, pasei por un videoclub, con intención de gozar o imposible cando eramos pequenos e tiñamos gripe.
O novo invento é o cinema na casa, sucedáneo consistente en conectar o lector de DVDs co televisor e a cadea musical. A perfección da imaxe nos límites do monitor de televisión caseiro e a sensación estereofónica duplicada fan a ilusión da sala pública.
Pensando nese gozo —digo— escollín unha película en contra das advertencias da muller, que non quere saber de exaltacións patrióticas ianquis (xa me está a advertir contra Pearl Harbour), e dun fillo, que me fixo distincións entre o sintagmático e o paradigmático dun relato.
Con todo, trouxen para a casa a historia do patriota na guerra de separación das colonias norteamericanas, reflexo dun momento histórico que considero semellante ao actual.
O visto e oído deume para varias notas:
Unha, sobre o dereito a crear nacións, que uns nacionalistas (ingleses) non lle querían conceder a outros (fillos de ingleses).
Outra, sobre as crueldades das guerras chamadas civís, das que os ianquis sufriron dabondo, nos séculos XVIII e XIX; e que saben recoller para o recordo en formatos literarios e audiovisuais.
Finalmente, o absurdo da guerra de ringleiras de soldados a fusilarse, con desprezo do natural: o ataque a cuberto e por sorpresa.
Quizais nese toque de cabaleirosidade estea a diferencia entre aqueles ilustrados, que morrían de pé, e nós.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*