O turco (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/06/2001)

Hai un ano contaba eu aos lectores desta columna a miña vida na Arxentina, tocando dous puntos: un, persoal, que afecta os ánimos, como é a gripe; e outro, colectivo, como era a sensación de “arcas baleiras” deixada polo Carlos Ménem logo da súa presidencia.
Na volta do outono para o inverno austral, resoaba un tango con letra dura: “la garúa se acentúa con sus púas…”. A garúa é chuvia xélida, azoutada polo vento, que crava as súas pugas líquidas na testa desabrigada dos que avanzan polas rúas á procura dos enganos cotiáns.
Coa miña gripe mal curada avanzaba eu por Corrientes xunto con Xosé Manuel Castelao Bragaña, avogado e defensor de emigrantes, e con Manuel Pampín, emigrante editor, cando vimos o letreiro anunciador da comedia: Lo que el turco se llevó.
Na sociedade arxentina, desestructurada, fraccionada, chea de linyeras, pobres, mersas, chetos, bienudos, geceús, negros, bolitas, gitanos, gallegos, tanos, rusos, moishes, chinos, anglos, vascos, gringos, alemanes…, o máis inxusto é que se lle chame “turco” e quen, procedendo de terras asoballadas polo imperio otomán, tivo que fuxir cara ás Américas.
Turcos hainos cristiáns (mesmo de obediencia a Roma) e musulmáns. Ménem é dos segundos; polo que se tivo que facer “católico” para mandar nun país que así o esixe por constitución.
Pero ninguén lle perdoou a procedencia. Porque un presidente ten que ser “xente ben”, con apelidos “de la colonia”.
Agora pásanlle a conta do contrabando de armas.
Cando saia desta, outras terá pendentes.
Por turco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/06/2001]

Share

Deixar unha resposta