Máis respostas (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/06/2001)

Estando fóra, lonxe e con apuro, recibín chamada de Teresa Rei, directora xeral da Muller, para agradecer a mención feita dela nestas liñas cotiás. O momento e a presencia de persoas que entendían a fala utilizada non me permitiron responderlle segundo agora fago:
O cronista debe recoller o que apalpou. Ela distinguírase no Porto por ser a única persoa da Administración Galega que fixo uso do seu idioma patrimonial. O feito foi ese. Eu recollino. Sen dereito a máis. O resto é xentileza de fidalga…
Á miña volta atopo carta doutra dona, a cerca dunha croniquiña a voapluma sobre amores adúlteros entre anciáns. Amoéstame a autora, que di non comprender “como quen parece pai de familia estable e defensor dos seus valores pode reproducir un caso de tan mal gusto”.
Pois, miña señora, a vida élle así; historias coma esa aínda fan a delicia dos lectores (pregúntelle ao doutor Fausto Galdo). E, para a súa advertencia e xuízo previo de censura, adiántolle outra:
Familia burguesa que acolle unha orfa pobre, para criala “coma un máis”. Ata o momento dos estudios, en que ela vai para “secretariado” e as fillas da casa, á universidade.
Pasan os anos. Casa a moza cun compañeiro da empresa, contable.
Na xestión da empresa traballa o maior da familia de acollida, home casado. Hai encontros nos corredores e, por fin, o “Eu sempre che quixen” e o “Eu, a ti, tamén”.
O prexuízo e a diferencia de clases obrigaran a facer dous matrimonios que cómpre desfacer para compor o verdadeiro…
¿Seguimos?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*