Respostas (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/06/2001)

<

p align=”justify”>A telefonía celular paneuropea demostra que Europa pode ser xa considerada como realidade única.
Gracias a ese sistema, estando eu a miles de quilómetros de don Luís López, puido el comunicarme as súas opinións sobre unha destas columniñas, na que falaba do señor crego que eu contemplo ás veces na súa tranquilidade célibe en canto coido da miña neta.
A don Luís direille que, de algures que non sei situar nos meus adentros, sáeme a admiración por aquelas persoas que se entregan á súa fe; que viven por ela e mesmo por ela son capaces de morrer.
Por tanto, gloria aos homes con sotana mentres vivan tan pacificamente como mandaba o seu Salvador. Outra cousa sería tratar de cregos fascistas e paseadores nos tempos de miseria moral que alá van…
Por un método máis primitivo, pero aínda efectivo, o correo, contactou comigo José Luís García Ortega, responsable da Campaña Enerxía e Cambio Climático de Greenpeace España.
Á volta da miña estada pola Escandinavia petroleira atopo unha nota súa con documentos da organización para a que traballa, en referencia a outra das columnas que se van publicando con permiso do señor director do xornal.
Nese reproducíase de leve —sempre a voapluma— unha conversa cun curmán meu presidente da British Petroleum.
García Ortega envíame a versión de Greenpeace sobre a actividade prospectora e explotadora da BP, ante o cal só me cabe unha pregunta do primo que comigo comparte nome e apelido: ¿cómo facemos a transición entre enerxías sucias e limpas sen contarmos cos hidrocarburos?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*