Portaxes (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/06/2001)

En Oslo, fronte do edificio oficial onde nos reuniamos cos tecnólogos daquel reino está o da Fundación Nobel en que se xulgan as propostas do único premio con nome do sueco inventor que non se entrega en Estocolmo, o da Paz.
Ollando tan nobre casona veu ao fío da conversa un galardoado co Nobel literario que entrara na cegueira da senectude como sugar daddy (“papaíño de azucre” en definición de aproveitona ianqui), da man dunha moza impresentable…
Cando chegamos a Compostela faltaban as maletas, como cumpría a saltos de máis: Oslo-Copenhague-Bruxelas-Madrid-Compostela.
Na madrugada fresca de Lavacolla só ficaba esperar e reencher formularios de equipaxe perdida. Un xornal reseso converteuse en tentación para matar o tempo; e temín collelo, porque levaba tempo dabondo sen saber nada da kale borroka, as pateras, o banco sahariano e demais.
Pero collino, e, por casualidade, abrino pola páxina en que a esposa “negra” se retrataba baixo a sombra do seu gliptodonte, que sempre desprezou os ordenadores. O ancián, escritor a pluma, seica se ve obrigado por un xuíz a entregar o “manuscrito” da novela que -asegura- non plaxiou.
A miña gargallada rompeu o silencio farto dos compañeiros de desgracia…
Hoxe falei cun editor e volveu saír o tema da cruz noveleira que crucifica o sugar daddy. Preguntoume como certa persoa que eu admiro, e que está na plenitude da súa carreira literaria, se atreve a aparecer xunto do vellote deostado.
-Porque é amigo del -respondinlle-. E a amizade de veras fai pagar portaxes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/06/2001]

Share

Deixar unha resposta