Adeus, Noruega (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/06/2001)

<

p align=”justify”>Marchamos, cheos de tarxetas que inclúen a foto do personaxe. Repítense os apelidos. Os noruegueses (xa o dixemos) son poucos. A peste negra e as guerras deixáronos decimados.
Despedímonos da península arquiquebrada, das montañas nevadas e os vales glaciares afundidos, seos profundos con recantos nos que –calculan os científicos– a auga tarda un século en renovarse. Tan difícil orografía fixo un pobo de enxeñeiros: furan a rocha que dá xenio, fan pontes de envexa. E, cando non lles chega con iso, navegan en mixtos e voan e hidroavións…
Ímonos indo. Adeus ás familias de pais novos con cativos louros e lindísimos. Adeus aos peixes afumados no almorzo, aos cociñados (¡que rico o bacallao fresco!) ao xantar, ao estufado de reno á cea.
Retornamos á innación dos prexubilados desde unha nación de traballadores de toda idade. Aquí non hai paro porque cada parado ten un axente para lle procurar choio, e non hai diferencias de sexo nos labores a realizar. Ninguén se lle despista ao sistema. Nin dentro nin fóra: vendémoslles fragatas pero témoslles que comprar –dependendo de interpretacións– entre vinte e trinta mil millóns de pesetiñas de productos e propiedade intelectual.
Coidado, logo, con estes negociantes donos dos mares –tan ricos que a cada drogadicto, de cada vez, lle dan unha bolsa de xiringas; bolsas que, logo da inxección, os desgraciados abandonan polas rúas…
A Noruega ten dous problemas: o idioma e a distancia. O primeiro resólvese falando inglés. O segundo non ten arranxo, pero dá valor á aventura.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*