Museos (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/06/2001)

Os noruegueses relacionados coa tecnoloxía son xente simpática, que trata ben o estranxeiro, que se fía do que lles contan. O sistema de transferencia de coñecementos prácticos entre a universidade e a empresa está aquí perfectamente organizado, con centros tecnolóxicos intermediarios e financiamento estatal de proxectos que permitan mellorar os productos e facer máis competitivos os procesos de fabricación…
Algo técnico teñen no sangue os herdeiros dos viquingos, que sabían facer tan bos barcos de tracas superpostas, nos que as cadernas axudaban a cerrar obra sobre a quilla, non a manter a estructura viva. Teñen algo de coñecedores empíricos da realidade, e de calculistas. Repasando as grandes aventuras polares, con Amundsen de xenio principal, logo se ve como poucos homes no mundo se atreverían a deixar que o xeo ártico os arrastrase durante anos nun barco preparado para iso, tempo usado en recoller datos transcendentais para diversas ciencias.
E que espírito o dos tipos que, indo conquistar o Polo Norte, souberon que xa fora atinxido por outros e metéronse a navegar ata a Antártida para conquistaren o Polo Sur (traxedia terrible a do Scott, que chegou tras deles e morreu no retorno).
Paga a pena andar polos museos de Oslo en horas libres do traballo. A quen goce coas artes plásticas recoméndaselle tanto ir ao do pintor Munch coma evitar o espanto do parque do escultor Vigeland que aparece en todos os panfletos.
E, quen poida, navegue as inmensidades dun fiorde que ten máis de setenta millas de longo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/06/2001]

Share

Deixar unha resposta