Mariscadas (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/06/2001)

<

p align=”justify”>Para mariscadas, Oslo: impresionante a fervenza de mexillóns, ostras, camaróns, lumbrigantes, bois de Francia, lagostinos… Para acompañar, un viño branco da Nova Celandia con poético nome, Cloudy Bay: Baía Nubrada.
Os noruegueses son sinceros: xamais pensaran en España salvo polas vacacións na Costa do Sol. Coidaban que o noso país “mediterráneo” era un anaco máis do terceiro mundo, non unha sociedade industrial. ¿E Galicia?
Para eles podían existir o País Vasco e Cataluña (un experto en transferencia tecnolóxica ten unha filla en Barcelona e xa aprendeu que alá o idioma oficial non é soamente o “español”). Pero éralles inimaxinable un paisiño cunha grande flota pesqueira, estaleiros e fábricas de coches, verde e con rías, adorador do marisco.
Nunha esquina toca a guitarra un suxeito que fala inglés naturalmente. É de Los Angeles e recoñece que a peza esmiuzada con deleitación de artista sería de viola, algo do século XVI das Hespañas. Preguntémoslle como veu encallar nos fríos de Oslo e responde que é “a long story”.
De retorno, ao luscofusco das doce, a taxista fala un inglés tan sospeitosamente propio que obriga a preguntarlle a orixe.
É inglesa, casada con noruegués e mai de familia, certificada pola Politi norueguesa e contratada como conductora e camareira pola embaixada da Súa Maxestade e polo Palacio Real.
Fala e fala, está como nunha nube.
Porque conseguiu algo histórico, que quizais xustifique o seu paso polo Val de Bágoas: onte preparoulle e serviulle un martini á raíña da Inglaterra.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/06/2001]

Share

Deixar unha resposta