Nádegas pálidas (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/06/2001)

En Oslo, a comezos de xuño a noite dura menos de tres horas. O viaxeiro que xa estivo en latitudes extremas (por exemplo, a de Arhus na península de Xutlandia ou a de Uxuaia na Terra do Lume) aínda se sorprende de tanto abuso de luz, que estraga o sono…
A xornada foi excesivamente longa. Iniciouse con transferencia de tecnoloxías (entre elas a da “informática nomádica”, itinerante) e demostración dun coche eléctrico que gasta a vinteava parte do seu equivalente con motor de gasolina. Estes noruegueses, cheos de petróleo, queren loitar contra o efecto invernadoiro e preparan un futuro limpo.
Un paseo meditativo, con parada e notas nun bar carísimo da Karl Johans Gate, principal avenida, leva ata o palacio real. Alí forma unha garda con gorro emplumado e reúnense uns cantos turistas. Xuntámonos a eles porque confirman o que anunciaba no porto o Illustrious, xigantesco porta-aeronaves británico: “The Queen of England is here”.
E, efectivamente, a xefa da familia política e escandalosa da Lady Di (que xa ninguén lembra) pasa en coche por diante de nós a modiño, co sorriso oficial e o abaneo de mans de sempre, ollando sen ver.
Séguena os “royals” da Noruega, incluso o príncipe e a plebea que van casar por amor…
Fronte a tanta opereta, no outro extremo da Karl Johans corre a droga. Pola praza véndese o “éxtase líquido”. Nun portal baleiro, unha moza baixou os pantalóns para inxectar heroína e así ficou, cabeza e xeonllos no chan, as nádegas pálidas ao aire.
Os transeúntes óllana e seguen a falar polo móbil.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*