Imperfeccións (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/06/2001)

Oslo é cidade ben ordenadiña, limpa, iluminada de noite polas rúas peonís, con medio millón de habitantes. A babel das xentes e os idiomas vén connosco de Bergen. Hai moito xaponés turista, e vestido de traxe porque a grande feira naval está no seu apoxeo.
Unha longa colección de inmigrantes menores, asiáticos e africanos acompaña os nativos louros, de ollos azuis, altos, de anchas costas, con faccións sinxelas,. Só compiten en beleza cos brancos uns negros lindos e altos do Corno da África. E hai división de gremios por nacións, principio da fin das democracias nacionais. Por exemplo, os taxistas son mouros.
A cidade, como todo a país enorme e despoboado (pero coa máxima taxa de natalidade da Europa: dous fillos por muller fértil), é noxentamente cara: 1000 pesetas unha cervexa, 6000 unha botella do viño máis barato, australiano ou sudafricano (por certo, moi decentes cabernets); a gasolina a 200 o litro e o gasóleo a 160. Pero permite o luxo de pasear sen gastar, se o tempo está bo.
Polo porto, cheo de inmensos mixtos de pasaxe e carga, a xente ponse á raiola e as gaivotas de bico vermello miran con curiosidade para catamaráns e imitacións de barcos “viquingos”.
Tamén fuma, o que non se pode facer en lugares pechados, salvo en cabinas dispostas ao efecto, con extractores.
Fuman “chocolate” e algo máis unha partida de infelices desfeitos, sidosos, nunha praza ao lado da estación central. A pé dunha comisaría.
Os membros da Politi, ben armados, rin deles.
Na perfecta Noruega hai imperfeccións.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/06/2001]

Share

Deixar unha resposta