En Bergen (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/06/2001)

Oslo recibe de noite con barcos iluminados no fiorde cando un grupo de galegos dá cos seus corpos cansos nun hotel da ribeira, en cuartos coma camarotes e monitor que serve, ao tempo, para ver a televisión e navegar pola interrede a velocidades descoñecidas en España…
Ás catro da mañá no paralelo 60 xa é día. Ás cinco unha das moitas chilenas que por aquí se lle perderon ao cocón Pinochet conduce viaxeiros ao aeroporto. Vense campos de pálido verde, infinitos abetos, carballos e casas rurais pintadas de cor sangue.
Baixo a cuberta de aceiro e madeira do aeroporto voan andoriñas chiadoras…
Soneca no avión. Ao acordar, un marasmo de montañas, outeiros, fiordes, enseadas, portos e poboacións.
Bergen ten sona de pintoresco, ben xustificada. Custa chegar alá, por estradas malas, con funís coma o que mata a chegada a Ferrol; mais chégase á fin para ver nubes agarradas coma toucas aos montes, nos que se empoleiran casas de conto de fadas entre fervenzas.
O terceiro porto de Europa, a capital do Eldorado gasoso e oleoso, dá mostras de cidade vella, de madeira repintada e lastros nas rúas estreitas. Ten un mercado de peixe e marisco no que os bacallaos e os lumbrigantes andan vivos en tanques a comeren bois de Francia. Conta Bergen cun mirador espectacular e turistas que fan babel por todas partes.
Tamén ten centros tecnolóxicos capaces de aplicaren a outros negocios as marabillas inventadas para extraer hidrocarburos.
Bergen é lugar de negocios. Para iso, as frases felices fanse con “transferencia” e “know-how”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/06/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*