Rumbo ao norte (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/05/2001)

Imos rumbo ao norte, cara a un país que descubriu o seu propio petróleo, e o seu gas abundantísimo, como quen recibe un premio de lotería xa sendo rico. O avión de liña escandinava é tan perfecto coma todo na Escandinavia, que supera en perfección ao Canadá dos vastos espacios e á Suíza dos reloxeiros avarentos.
Descubrimos a Dinamarca alá embaixo pola planura da terra –que calquera día pode varrer unha onda de maremoto– e pola alegría dos campos cadradiños e pintados de verde (quizais trigo miúdo) e amarelo (da colza). Non faltan pontes a recordaren o que se podería aforrar de viaxe en Galicia con semellantes obras, nin liñas de xeradores eólicos metidos no mar, a xiraren, brancos e impolutos, sobre o anil das augas.
A enorme península despoboada do norte fulxe ao sol serodio dun inacabable día de primavera na máis tola confusión de terra e mar, de rocha desafiante, de lombas orgullosas en contraste coas formas da Dinamarca que mandou en todo, que de todo –ata da Grenlandia– fixo provincia.
O aeroporto de Oslo (mellor dito, que serve a Oslo) é digno de visita se non fose estación aérea de destino. Nesta obra pódese encontrar unha síntese da nación de novos ricos que ten independencia e monarquía tan democrática como para permitir vodas inmencionables entre a burguesía.
Señores constructores: veñan e vexan como se integran materiais nunha obra que continuamente suxire exercicios constructivos de buque e edificio: madeira, vidro, aceiro e cemento dan a benvida.
De aquí, o Impaís fica inmensamente lonxe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/05/2001]

Share

Deixar unha resposta