Negro Amazonas (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/05/2001)

Fun a un casamento, con foguetes, que se reflectiron na calma nocturna da ría. Bágoas luminosas eclipsaban o centilear das estrelas. Casaba un sobriño e xuntábanse apelidos de Vigo e Ferrol.
A unha mesa sentamos xuntos dous curmáns que compartimos nome de pía. E falamos.
Meu curmán é un supremo administrador dunha suprema petroleira, a British Petroleum. Con gracia propia de quen andou mundo, deume os seus criterios sobre o empeño do grupo Tojeiro en Mugardos ou sobre as preocupacións enerxéticas dun bo amigo seu, Victoriano Reinoso.
Curioso, levei a conversa casamenteira por meandros entrecruzados, de telecomunicacións e recursos naturais, sen que outras curiosidades faltasen.
A respectos desas, souben que José María Aznar non entende o inglés, e que cando o vemos falar co Tony Blair está a facelo en francés (non en privado catalán).
Canto aos recursos:
O sol entrega á Terra moita máis enerxía que a demandada polos humanos voraces, polo que a BP aposta polas células fotovoltaicas.
O río de petróleo que enerxiza o mundo é un verdadeiro Amazonas, negro e denso. Pero habendo agoiros de que o ouro negro se acaba, a PB acaba todos os anos con máis reservas descubertas cás coñecidas a comezo de exercicio.
Sobran carbón, petróleo e gas natural. Pero o mundo non pode soportar o impacto de tanta combustión de hidrocarburos. A solución é a fusión nuclear, mais, no entanto…
Greenpeace é accionaria da BP, e seica vai entendendo que todas as transicións levan o seu tempo.
Neste caso, un tempo de máquinas híbridas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/05/2001]

Share

Deixar unha resposta