Rapaciña nova

Caro Andrés: o Lasén e eu xa os fixemos. Ti valos facer mañá. Ao Cuqui aínda lle quedan dous anos. Ela (ás damas nunca se lles pregunta a idade) debe ter os cinco de sempre menos ca nós.

Fas 70 anos e, como cada 1 de outubro, temos unha lembranza para ti, porque nos marcaches as vidas. Ao «Marcof» Lasén fixéchelo cantante, o teu altofalante no Santiago revoltoso; ao Cuqui Silva e a min metíchesnos a poetas de circunstancia; á María González Encinar -a Rapaciña nova de Monforte- fixéchela unha cálida e oculta estrela.

Ela non tiña os quince anos dos versos senón dezaseis, pois ía facer preuniversitario a Madrid naquel exprés en que nos atopamos. Pero «quince» ten dúas sílabas e «dezaseis», tres. Cadrou mellor na métrica, e a partir dese momento centos de miles de rapaciñas novas de toda Galicia fixéronse fans túas, do cantante tenro que lles tocaba o corazón.

A vida foinos xuntar á María, ao Cuqui e a min en Bruxelas, onde falamos moito de ti. Cando a María era directora do Instituto Cervantes da capital da Unión Europea, chegamos a soñar que volveses onda nós e que deses alí un recital coa túa pouca voz de grande compositor… Ti fuches o noso Chico Buarque de Holanda. Nunca ninguén, nin en Galicia nin en toda España, puido chegar a imitarte. Gloria haxas para sempre, amigo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/09/2017.]

Share

Deixar unha resposta