Gerónimo (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/05/2001)

En día de sol sigo rastros —esterco e marcas de ferradura— da tropa que se me adiantou camiño da praia. Na soidade do bosque atlántico a mente váiseme a paisaxes áridas e nevadas dunha terra americana: Arizona.
Alá andaban apaches chiricahuas dos que se dixo que só un deles sería capaz de seguir o rastro doutro conxénere.
O máis famoso de todos, o que entrou no cinema a través do cal Hollywood amaña a Historia, foi Goyahkla (“O que bocexa”, ou tal vez “O durmiñón”), suxeito peculiar ao que os soldados ianquis deron en chamar Gerónimo, se cadra oíndo como os soldados mexicanos invocaban a san Xerome para que os salvase do coitelo dun indio que as balas non daban derrubado…
Aos poucos, a Aixa e eu mergullámonos na néboa mesta que se deitou sobre a costa arteixá, e na praia de Alba andamos ás cegas, guiados polo rumorear das ondas. Perdidos os rastros da tropa que guía o Waldo a lombos do Ur, lembro a definición de saudade dun Gerónimo prisioneiro en Florida.
—Levo fóra da miña terra doce anos —protestaba—. As landras e os piñóns, o paspallás e o pavo do monte, os cactos xigantes e os paloverdes bótanme de menos, pregúntanse a onde marchei. Queren que volva…
Un revoar de gaivotas asustadas e as orellas da miña egua indican a presencia dos compañeiros buscados.
Únome a eles en silencio. Porque veño a lembrar a resposta do xeneral Miles, o captor do indio máis rebelde:
—Belo pensamento, Gerónimo. Mesmo poético… pero plantas e animais da túa terra vanse ter que arranxar como poidan sen ti.
Dura condena.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*