Ablación (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/05/2001)

Hai uns meses tres homes que lle dedican máis ou menos tempo da vidiña a escribir foron convidados a unha cea na Coruña coa, daquela, embaixadora de Cuba en España.
Un dos escritores, referíndose ao significado de “tiranía”, díxolle á dama que o inconveniente dos do gremio das Letras é tentaren ser precisos coa palabra. Os escritores veñen sendo ao tempo historiadores e notarios, cando non inventores, e odian o uso parcial dos termos…
Vén isto en relación á palabra “ablación”, desgraciadamente de moda estes días por conta do que complementa a frase propia da brutalidade: “de clítoris”.
De novo, os reductores das linguas (os que confunden “cesar” con “destituír”) tentan obrigar a xente que le pouco a reducir o seu coñecemento.
Mirando no dicionario grande de Xerais, “Ablación” pode ser unha extirpación cirúrxica, a destrución da codia terrestre…, a fusión ou evaporación do xeo…, a sublimación do material protector dun dispositivo… Mirando nos etimolóxicos de Fontinha e de Corominas, o étimo procede de “ab” e do participio de “fero” (“latum”), con indicación de traslado.
Ben: débese facer frase completa como “ablación de clítoris” tanto en medios falados como escritos -os cales poden ir tranquilizando os acolledores de inmigrantes:
En Cataluña (compróbese viaxando) as grandes autoridades da moral que propicia ese tipo de mutilación decidiron informar os seus seguidores de que, dado o clima pirenaico da rexión, non é necesario someter as nenas ao ritual.
Na África tórrida, a cousa é diferente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*