Obra e autor (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/05/2001)

<

p align=”justify”>Manteño que, se un quere escribir sen tolear, non debe ser escritor de profesión, mesmo que dese oficio gañe dabondo. Coido que o importante é vivir viaxadamente, conversadamente e, se cadra, con varios choios que permitan mergullar en ambientes diversos.
Na Literatura pasada polos medios de comunicación masiva produciuse o fenómeno destructivo: o de que o autor dea nome á obra, e non a obra sona ao autor. Ese mundo toleante fixo ao editor Herralde dicir que os premios serven para “o tráfico de escritores”.
Hai pouco coincidiume ter parolas a mesa e mantel con Tucho Calvo e Moncho Loureiro, xornalistas e escritores. Nelas apareceron ideas como as anteriormente expostas, e ata o nome da protagonista dun calote que anda a correr entre a xente de Letras:
Seica un digno académico abandonou o xurado dun premio ao descubrir que a galardoable por decisión editorial só enviara vinte páxinas da novela que aínda estaba a escribir. Era unha gañadora con moita foto, vestida e espida…
Curiosamente, e como contrapeso a tanto culto á personalidade de quen pode escribir ben ou insufriblemente, logo desas rexoubas cos meus amigos e colegas no exercicio máis solitario de todos, acontecía un feito digno de loanza:
No xornal en que eles escriben, a venerable Voz de Galicia, tratábase o caso dunha novela que chegou en vinte anos ás quince edicións legais (e non se sabe a cantas ilegais).
O long-seller era comentado laudatoriamente. Dábase o título do texto; e, para maior gloria da obra, non se mencionaba o autor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*