O Urquiola (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/05/2001)

Hai días volveu ás memorias o desastre do Urquiola, que cada un dos que o vivimos poderiamos contar ao noso xeito.
Nesa altura estaba eu a traballar nunha empresa de electromedicina, realizando unha instalación na “residencia” da seguridade social de Lugo.
Rematado que foi o labor da xornada –un bo día de primavera–, collín camiño cara á Coruña, conducindo o meu Citröen GS, de tan curioso motor refrixerado por aire.
Falando desta peculiaridade cun compañeiro de traballo que fora soldado da aviación, no Monte Salgueiro, punto en que a orografía permite albiscar o mar, vimos unha nube de grandes proporcións con esa forma de torre pétrea –de mármore branco e erosionado– que teñen as nubes vistas desde as alturas do avión.
O meu compañeiro, Abel Vigo, apostou duramente por que fose un algo de cirro-nimbo-cúmulo ou o demo maior, que lle deixei dicir na súa seguranza de experto.
Pero non tardamos en decatarnos, Costa do Sal abaixo, que había fume, moito, moito máis có dun incendio forestal. E comezamos a preocuparnos…
Daquela o teléfono móbil non collía nin na imaxinación de dous tipos “electrónicos” coma nós.
Entrounos o apuro por chegarmos ás nosas casiñas, xa baixo a nube negra que saía do mar.
A entrada á Coruña polas Xubias era caótica e sobre o parabrisas caían pingas mouras, gordas.
O lindo GS azuliño quedou manchado e abandonado na Avenida do Exército.
Corrín, aínda rapaz, ata o alto de Santa Margarida.
A miña muller e o pequeno estaban á miña espera.
Pouco puiden facer por eles, salvo lles dar bicos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/05/2001]

Share

Deixar unha resposta