O Moncho (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/05/2001)

Seguindo a tradición, un maio máis apareceu por provincias o Moncho Pernas, que dirixe Ámbito Cultural. Montou mesa redonda sobre escritores e idiomas e, despois, convocou reunión a mesa cadrada que daría para novela.
A min deume para falar dabondo co Fernando González Laxe sobre a Europa “policéntrica”, para saber que o Pedro Blanco Llano vai destinado a Vigo con obrigas maiores en Galaxia, para oír a voz tranquila do traductor ao castelán de O crime do Padre Amaro (Damián Villalaín, editor), para brindar por El Corte Inglés, institución que lle debe a Galicia os anuncios en galego dentro dos seus centros; para definir co Camilo Fernández Valdeorras as pautas do escritor profesional…
Foron horas de enxeño na conversa (Antonio Grandío candidatouse para vicepresidente da Xunta) á que só faltou o Fausto Galdo (e ben lle valeu porque o seu admirado Cela saíu tolleito, por mal escritor, non por bufón).
Moitas se dixeron alí, pero hai unha que convén rexistrar porque demostra a capacidade fabulatoria de quen a largou:
O autor de Paso a dos contou as súas andanzas por Cuba entre xefes da eterna revolución castrista, un dos cales seica lle falou de importantes “escritores antirrevolucionarios” —Cabrera Infante, “Soez” Valdés e Xavier Alcalá— engadindo as vicisitudes conducentes a que La Habana flash chegase ao coñecemento dos que clasifican a xente do mundo a favor ou en contra dos soños do tirano.
Moito pan prá cadela, ¿non? Pero nada coma un amigo para tocar a fibra sensible da vaidade.
Gracias, Moncho.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*