A Bertelsmann (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/05/2001)

No véspera das Letras Galegas a Coruña estivo chea de actos, e algúns deles moi xuntos no espacio, como a mesa redonda sobre escritores e linguas no Corte Inglés, a homenaxe ao Rafael Bárez (gloria haxa o avogado e político) e a entrega de premios da Fundación Bertelsmann a rapaces de colexios e institutos no Forum Metropolitano.
Este último acto non se reflectiu nos medios de comunicación como os outros e, con toda a súa humildade, sen embargo e ao meu ver, foi importante. Simplemente porque a educación está en crise de morte e todo o que teña que ver co impulso da lectura e da creatividade dos pequenos marca un camiño de luz entre tan mestas escuridades.
Somos uns cantos -convidados a repartirmos os premios e a lermos os relatos galardoados- os que queren agradecer o convite á Lidia Martínez e á Fina Roca, e loar a iniciativa do premio ás páxinas web.
No meu caso cómpre dicir que, unha vez máis, vivín, experimentei e podo falar:
Preocúpame que rapaces galegos escriban só en castelán hipercorrixido (cun xogo falso de conxugacións en base ao verbo “haber”), sobre asuntos propios de xente maior e, nalgún caso, tentando a novela negra norteamericana con rara precocidade.
Fracasou plenamente o bilingüismo harmónico (os normalizadores tamén caen nas redes do castelán para artellaren horrores coma “había dito”) e os nenos non teñen vivencia propia senón televisiva e deprimente.
Son teleadultos que transfiren o deducido da pantalla a modo alfanumérico…
En fin, que a Bertelsmann ten moito campo por labrar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*