Na Alfándega (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/05/2001)

O edificio da Alfándega do Porto proclama a importancia da cidade capaz de dar nome a un país que fora condado galego: Portus Calae.
Fóra xa do servizo a que se destinara tan grande obra civil, remodelouse varias veces, a última das cales con motivo do cume iberoamericano que tivo a honra de acoller o Comandante vestido de paisano.
Don Manuel preside o plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e dá discurso, acorde con outros: a eurorrexión que Bruxelas quere construír conta coas condicións e as vontades que fan posible o exemplo.
Unha das condicións é a irmandade cultural e lingüística (e “racial”: os biólogos saben que, do Navia ao Douro, coinciden os poucos cromosomas da diferencia).
O lingüístico é o que sorprende. Porque todos os representantes da Administración Galega (galeguizadora por mandato parlamentario) se expresan no seu castelán ben aprendido.
Séntese a un dicir que el non vai ser “o primeiro” en falar galego e mostra o discurso escrito na Lingua do Día das Letras.
Fala castelán e deixa que sexa unha dama, Teresa Rey, directora xeral de Familia, a que se pronuncie con “anxélico acento”. Don Manuel, desde a presidencia, agradécello á galega: “Graciñas”.
Tamén falan galego o presidente da deputación de Pontevedra e o sindicalista que asinou contrato para facilitar a vida aos traballadores transfronteirizos.
Os observadores galegos e portugueses que cren de verdade no que están a facer fican chocados por tanta incoherencia.
E agradecidos a unha dama valente, e coherente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*