Na capital (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/05/2001)

A cidade do Porto é grandallona e media desorganizada. Nos fastos dunha capitalidade cultural europea, mostra fachadas sucias e rúas rebentadas por obras arrepiantes para o conductor de coche (a do metro, a peor).
Un taxista fura a noite por ruelas ata deixar os pasaxeiros na ribeira, nun espléndido restaurante con vistas ao Douro, á ponte de Dom Luís I, ás “caves” da outra banda a reflectiren letreiros con nome inglés sobre as augas do río.
Causa asombro o seu coñecemento do burgo cheo de historia, a súa erudición. Diante da igrexa da San Francisco, que semella gótica con aditamentos barrocos, asegura que “é dos tempos de Napoleão”.
Ese primeiro abraio fica logo esquecido ante outro novo, xa no restaurante: un grupo de arxentinos milonguea ao seu xeito, descubrindo que o peso dolarizado dá para moito gastar, e que o seu interese é madeireiro. Entre eles come un suxeito peculiar, moi moreno, con toques amerindios —e algo que custa á mente normal integrar dentro do plausible:
O tipo ten barba nas orellas. De cada pavillón auditivo pendúralle unha perilla frondosa, dunha polgada de longo…
A curiosidade, que lembra o milagre de santa Paula Barbada, é propia de cidade cosmopolita.
Mais o curioso non acaba aí, senón, de retorno ao hotel, no encontro cunha exuberante rapariga buscona á que outro taxista di pillarías —para logo aclarar aos clientes: “Não é gaja, mas gajo com ferramenta”.
Porto, sen dúbida, dá para capital da Gallaecia Reconstruída. Pero, de momento, é a Capital da Cultura do Buraco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*