No dial (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/05/2001)

Como tantas veces ao longo deste bienio 2000-2001 eternamente invernal, navego pola autoestrada entre Ferrol e o Porto nun abafo de chuvia, vendo un eucaliptal continuo que levanta as cobizas de moitos europeos.
Acompáñame a radio, o mellor compañeiro de quen poida realizar calquera actividade simultaneando o que oia. A radio é un medio quente e inmediato, con centros de produción aos que se contribúe con información por diversos medios rápidos. A radiodifusión sonora é o maior invento deste século de medios masivos de comunicación…
Permítanme confesarme un fanático da radio.
Mais, ao tempo, permita o señor director deste xornal que faga unha tolada, porque de tolos é repetir actos coidando que os resultados poidan variar cando a experiencia demostra que de nada valen.
Quero ser tolo e, un ano máis, dicir que o 17 de Maio é o Día Mundial das Telecomunicacións; e que a ética da miña profesión me obriga a pregoalo.
Tolamente, batendo en ferro frío, vou repetir que me causa noxo o dial da miña radio, porque en toda a banda que corresponde ás emisións por modulación de frecuencia, en territorio galego non se escoita case nada dito en galego: só en Radio Fene, Radio Lalín, Radio A Estrada, e na inefable Radio Galega.
Mais non lle arrincamos mísera palabra en galego a todas esas emisoras en cadea que colonizan Galicia desde Madrid e que, tendo tempos de produción en centros subsidiarios de Galicia, “mexan por nós”…
Nun día menos dos das Mil Primaveras, non quero “dicir que chove” no dial. E protesto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*