Mostraxe (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/05/2001)

Querendo ser obxectivo, a medir pola notas do bacharelato e dos primeiros cursos da universidade, considero que as Matemáticas fóronme doadas.
Pero no terceiro curso de Telecomunicación apareceu a Estatística, a medias coa Álxebra, e sufrín un grave traspés: por culpa da primeira, e do promedio, suspendín dúas veces. Á terceira foi a vencida, pero a forza de que na parte alxebraica case cheguei ao 10 de nota.
A cousa penso que ten explicación, tamén obxectiva: debín ter o peor profesor de Estatística da escola —a punto de que, anos despois, xa en democracia, os alumnos se amotinaron contra el, esixindo que a dirección o expulsase, o que aconteceu.
Por ese trauma, se cadra, todo o estatístico fáiseme difícil de engulir; e mesmo me revelo contra os resultados dos estudios baseados en métodos predictivos, a pensar sempre no que se afasta da media e da desviación típica ata converter o estudiado en puro absurdo.
Mais, con todo, tamén son o primeiro en defender os sistemas de telecomunicación que basean o seu dimensionado sobre estatísticas para reducir a “capacidade ociosa” instalada…
Todo isto vén ao conto do rebumbio alucinante das eleccións no País Vasco. Unha moza estatística explicou pola radio que, con 14.000 mostras, a súa empresa tiña dabondo como para predicir, logo de que se pechasen os colexios electorais, o resultado definitivo, cunha imprecisión aproximada do 1%.
Visto con tal seguridade —pensei—, ¿non pagaría a pena resolver calquera comicio por mostraxe?
Había ser moito máis barato.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*