Interpretadores (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/05/2001)

En tempo de Letras Galegas non está mal que se conten e comenten asuntos como o que segue:
Hai tempo armouse un rebumbio de medo por culpa de que non se traducira ao galego o programa Windows co que o Bill Gates se fixo rico por conta dos que non foran tan listos coma el. Microsoft marcou a norma de facto e todo o mundo quixo compartir a marabilla, cadaquén no seu idioma.
Xa dixen daquela, e agora repito, que a min tanto me ten que o ordenador me informe en calquera dos idiomas que eu entendo, aínda que en procesado de textos o use para escribir en galego. O que si me preocupaba e me preocupa é que o ordenador non entenda o idioma en que lle quero falar; ou sexa, preocúpame que non haxa un interpretador de fala galega.
Tanto máis canto (tomen nota os señores xornalistas) os gravadores secuenciais de memoria estática están a prezo tan bo ou mellor que os tradicionais, de fita e non secuenciais.
Eu hai tempo que dicto notas para facer estas columnas cando, por exemplo, vou a conducir: o meu gravadoriño colle na palma da man, ten micro de lapela e unha capacidade de gravación dunha hora en total.
Faltábame poder descargar directamente o contido do gravador ao ordenador; pero xa chegou ao mercado ese avance, cun aparello que, marcando as secuencias das sucesivas gravacións, recolle ata catro horas de fala.
Fala que os ordenadores poñen por escrito se teñen o correspondente programa intermediario…
En fin, que da fala sae a fabulación e as máquinas son as mellores secretarias. Se entenden a fala, claro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/05/2001]

Share

Deixar unha resposta