Vacas sagradas (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/05/2001)

Nunca esquecerei cando a miña muller me veu contar unha feminina coita: estaba preocupada polo vella que debía parecer. Por primeira vez na vida, dirixíraselle un rapacete tratándoa de “vostede” e “señora”.
Con dificultade lembro cando persoas prudentes e distantes comezaron a tratarme antepondo o “don” ao nome. Tamén aconteceu hai ben anos.
Desde aqueles tempos ata hoxe a xente das nosas idades fomos xuntado canas, enrugas, panículo e netos (destes, menos dos que a natureza pediría). Algúns mesmo chegaron á áurea prexubilación que causa envexa entre os que se vén condenados a traballar ata os setenta anos para cobraren pensión.
Pero seica aínda nos fican por acadar niveis superiores ao de “carrozas” na consideración social:
Hoxe chamoume un compañeiro con bo humor para me dar unha alegría, segundo me dixo.
O asunto é que se está a organizar un grande proxecto relacionado coa nosa profesión, para o que fomos seleccionados un número reducido de supostos expertos, que formarán o núcleo decisorio nos primeiros pasos a dar cara ao que impón o futuro inmediato da telemática.
O colega que me chamaba deu ordes a un dos seus subordinados para que -pola cortesía de informar- fose falando con distintas persoas do ámbito universitario sobre o proxecto e a comisión que o vai gobernar en principio.
E xa obtivo unha importante retroalimentación do informado:
Un mozo profesor cualificounos de “colección de vacas sagradas e antigas”…
Situounos así nun nivel de vaidade que obriga a seguir orbitando para non caer.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/05/2001]

Share

Deixar unha resposta