Agir (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/05/2001)

A porta do despacho que me concedeu o señor decano está por veces aberta e por veces pechada, pero nunca cravada. Na facultade (dunha universidade con compromiso de defender o galego, como as outras) dou clase en galego, partindo de textos en inglés mormente.
Exprésome en galego na aula por razóns didácticas: porque entendo que estou a ensinar cousas da telemática e, ao tempo, que o galego (lingua B do sistema diglósico) é un romance tan válido (ou tan inválido) coma o castelán (lingua A, a do Imperio) para expresar todo, mesmo a modernidade das redes de datagramas.
Pero esa segunda parte das intencións didácticas é absolutamente minoritaria entre os profesores da universidade que acolleu a miña necesidade de ensinar, como o é no resto das universidades galegas.
Na universidade o galego sempre perde, como na igrexa; porque -pensa o pobo de almas rendidas- non é lingua apropiada para expresar cousas importantes (nunca esquecerei o día en que uns predicadores da Biblia, á porta da miña casa, nos dixeron ao Xosé Ramón Pena, ao meu fillo Santiago e a min que “la Biblia siempre se escribió en español”).
Isto é Galicia, o impaís sen remedio, resumo dunha España onde os profesores pretenden ensinar en spanglish perralleiro e non ensinan en inglés porque non resisten a mínima lecture.
Neste buraco negro da cultura xeral uns rapaces tolandrainas inventan Agir coidando que alguén é capaz de ler iso e pronunciar axir, e entender que, con étimo de agere, significa “obrar, operar, proceder”.
Perden o tempo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*