Cerebros (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/05/2001)

Hai xa anos de máis, calquera día de maio e con neve, a camiñar por Boston decateime de que unha persoa coma min non podía facer a vida para sempre nos Estados Unidos, nin sequera na contorna de Harvard e o MIT.
Daquela levantei campamento e iniciei unha carreira case inútil, a de tentar facer país dun impaís.
Pero viña moi americanizado e disposto a usar o que alá aprendera. Entre outras cousas, os que chamabamos “programas editores de textos”. Unha vez na Coruña, ocorreume a feliz idea de declarar a un xornal que estaba a escribir unha novela con axuda dun ordenador.
Chegou o tempo dos cursos de verán e o asistente a unha das clases maxistrais informoume que o correspondente profesor de Literatura comentara con sorna algo a cerca dun enxeñeiro pedante que dicía escribir “novelas cibernéticas”, no entendemento de que eu programaba a máquina para que me fixese o choio.
Rin para os meus adentros da ignorancia do home de Letras e seguín a teclear diante dunha pantalla, seguro de que xamais unha máquina chegaría a substituír as conexións dun cerebro humano en materia de creación. O cal manteño:
Veño de ter unha sesión de traballo cun experto en asuntos de transferencia de coñecemento tecnolóxico, sobre as axudas que dan os novos programas de “procura e casamento de información”, infinitamente máis “intelixentes” que os primitivos editores de texto.
Concluímos que non hai xeito de librarnos das persoas na depuración do traballo ofimático. Sinxelamente, porque os bichos coma nós teñen vontade e imaxinación.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/05/2001]

Share

Deixar unha resposta