Perro móbil (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/05/2001)

Recibo nota dun ilustre colega, Xavier Calvo Cortizas, demostrativa de que os enxeñeiros somos tipos interesados en moitas materias, e os de telecomunicación, especialmente nas lingüísticas.
Refírese o Xavier ao aviso feito nesta columna sobre a ocupación de “espacio web” con nachas en perneta, iconos pecadentos nos lugares que corresponderían a anuncios empresariais.
Calvo, ferrolán da Coruña, reclama “un estudio serio” sobre os dicires da Ferrolterra. “Os ferroláns –conclúe– incluso na fala somos peculiares e merecedores de estudo”…
Efectivamente, como todos os galegos; e como todos os humanos que forman tribo –verdadeira nación– por medio das palabras que os “imbéciles e escuros, féridos e duros” queren destruír por imitación do alleo.
A fala é a identidade, como por veces o pode ser, por exemplo, a música. E velaí o caso histórico dun militar de Pontedeume moi ben situado en Madrid que, cando algún soldado lle viña pedir favores por conta de ser eumés, facía a proba de pertenza á nación condal dos Andrade: “Cántame o Paso”. Só se o sorcho sabía esa música secreta e varonil da Semana Santa, alcanzaba o pedido.
En todos os lugares nos que non se mantén a fala viva, hai estructuras de código coas que por veces se acada a máxima capacidade de suxestión. Algunha veces esas formacións son mestizas, únicas e definitivas. Por exemplo, no ferrolán de que gozaba don Gonzalo, velaí unha que Xavier poderá explicar aos compañeiros da telefonía celular:
“O nacho levaba un perro móbil de moito tirabeque”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/05/2001]

Share

Deixar unha resposta