Cova de Iría (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/05/2001)

Irreverentes, os residentes nos colexios maiores da Universitaria madrileña naqueles tempos de “grises”, “lecheras”, “sociales” e feliz unión de todos contra Franco, adoitaban cantar algo estraño, aprendido nas súas vilas, pronunciado no castelán que nunca se impuxo e menos con axuda da igrexa obediente a Roma:
“El trece de mayo, la Virgen María
bajó de los cielos a Cova de Iría,
ave, ave, a beber vino,
ave, ave, a beber vino”
Eses estudiantes desvergoñados, que fixeron o 68 con cócteles Molotov, o 75 con champaña, e cadaquén a súa carreiriña na transición e na pasada pola esquerda do partido no que non todos eran honrados, aprenderon cousas terribles na universidade, entre as que se conta a dúbida de todo, a dos porqués que implica a ciencia, a interrogación sobre quen ten máis ou menos dereitos á vida.
E hoxe, vellos, ridiculamente vestidos de progres, apuntados ás posibilidades da pana que poidan pasar por deseños de Domínguez ou Verino (ou sexa, Mariño), por non falar de Caramelo, andan confusos co 13 de maio que se aproxima.
Porque para eles é tan incomprensible a aparición na Cova de Iría (Fátima, Portugal, extremo Occidente europeo) da mai dun suxeito quizais histórico de Israel (Oriente próximo, quizais asiático) coma a teima asasina dos fillos se cadra daqueles compañeiros que, nas bebedeiras, resultaban simpáticos e que demostraron o seu valor baixando a tiros un Melitón torturador ou facendo voar un almirante que non navegaba…
Incomprensible todo, e, aínda máis, que todo se xunte nesa data.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/05/2001]

Share

Deixar unha resposta