Intermon (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/05/2001)

A xente animosa de Intermon convidoume a dicir unhas palabras na feira-festa que tiñan montada na Coruña; e alá fun, a pé, loitando contra os ventos fríos dun maio longo que non vén cuberto de rosas.
Así dei cos ollos na tenda de Loewe e fiquei abraiado ao botar contas do que unha dama pode levar sobre os ombros: 300.000 pesetas, dúas veces o que cobraría ao ano un mestre en moitos países dos que non dan saído da pobreza.
Entrei logo na carpa festiva, na que se explicaba con palabras sinxelas ata onde se gasta diñeiro para matar en lugar de gastalo para ensinar.
Déronme o discurso que debía ler e mireino antes de pronuncialo, por se houbese algo discordante coas miñas ideas (que eu non estou, como outros, obrigado constitucionalmente a ler parvadas).
Subín ao estrado e falei, cunha modificación do texto: onde dicía “escritor”, dixen “profesor”, en referencia ao moito que me preocupa a educación da xente. Lin de vagar, alto e claro, a cita a Nelson Mandela: “a educación é o grande motor para o desenvolvemento humano, a auténtica revolución que temos pendente”.
Certo: o coñecemento é o que iguala os seres humanos, o que faría posible que todos os pobos explotasen ordenadamente os recursos da terra en que viven…
Fun dar unha volta pola rúa real, tomada por negros vendedores do mesmo producto, discos pirateados a 1.000 pesetas.
Tanta miseria fíxome pensar que a lonxitude dos cantóns, distancia entre o escaparate de luxo e o chan da rúa-paseo, é tan grande coma a ilusión dos rapaces de Intermon-Oxfam.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/05/2001]

Share

Deixar unha resposta