Pedofilia (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/05/2001)

<

p align=”justify”>De novo vou falar de Irene e do Gurú (para os lectores que se incorporen a estas diarias vaidades, a miña neta e o meu can, respectivamente).
Por veces conto deles porque son os bichiños que máis me divirten co seu comportamento tolo e sincero.
Pero hoxe teño algunha razón máis en referencia á cativa.
Cando isto tecleo, ela xoga no chan cunha vaca de lombo cadrado e buratos nel, nos que se colocan boliñas. O Gurú, deitado, de cando en cando ergue a cabeza e olla as bolas correr polo parqué. Mantén distancias con ese outro bicho perigoso, impredicible, que tanto se lle arrima a darlle un bico como o empurra co traseiro para se abrir paso ou, de súpeto, lle bate no lombo cun mando a distancia.
O can está farto das moitas que fixo o simio sen pelo, e os avós tamén. Só houbo un momento de tranquilidade, que estendemos canto puidemos: o baño antes da cea.
Irene goza no baño, cun pingüín que ten corda e move as patiñas. Ela, por veces déixao nadar, e outras veces empéñase en tocarlle as patas propulsoras…
Os meniños con saúde coma esta pequena son unha especie de bonecos manteigosos que incitan a tocalos, a bicalos e mesmo a mordelos -algo que parece dereito de pais e parentes en primeiro grao.
Pero custa traballo pensar que haxa persoas dispostas a excitaren a súa libido de adultos ollando fotos de criaturas pequerrechas, anónimas para eles.
E, sen embargo, hainas. Mesmo cidadáns de presencia e comportamento dignísimos no resto das súas relacións.
Quen isto escribe, pode dar fe pero non quere dar nomes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/05/2001]

Share

Deixar unha resposta