Outro aviso (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/05/2001)

Como a paciente lector lería onte, avisaba eu do caso que me acontecera, sobre a manipulación indebida da rede de telecomunicacións que serve a miña casa por parte de empregados doutra compañía do ramo.
Comenteino na facultade e no CIS, e a seguir decorrían as conversas polos camiños das manipulacións, con caras pillas de interlocutores, xente nova. Ao pouco a interrede global e os servicios de páxinas web virtuais entraban no dominio da anécdota. Lembramos a empresiña coruñesa que está a traballar na seguridade telemática de grandes empresas logo de “asaltar” os seus “cortalumes” e mesmo as súas “zonas desmilitarizadas”. Falamos dos “cacos telemáticos” convertidos en policías da rede, etcétera.
Neste ambiente de comentarios, un colega do CIS suxeriume consultar a páxina web dunha dignísima asociación empresarial, destas que deron en chamar “clusters” (agrupamentos, en inglés). Tecleei as tres uves dobres, o nome… e a pantalla encheuse de nachas en perneta, a mostraren fartísimas protuberancias. Os que me rodeaban no escritorio estalaron na gargallada de quen “xa o sabía”…
Outro aviso, logo, para quen isto lea: se ten un nome de empresa ou institución que preservar para presentarse “en modo web”, móvase, rexistre o “dominio” con tal nome. Pense que, calquera día outro o pode facer, con avesa intención.
No caso que nos ocupa, o rexistrante con dereitos de exhibición (de nachas) é de Vigo. E a asociación afectada, se quere usar o seu nome na rede, terá que pagar para rescatalo do chantaxista.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/05/2001]

Share

Deixar unha resposta