Como aviso (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/05/2001)

Nos tempos que alá van, produciuse certa liberalización nas telecomunicacións. Apareceron canles de radio e televisión autonómicas e, daquela, houbo moitas aventuras polos montes nos que se ían erguendo centros emisores e repetidores.
Mais, para esta nota, valla o que se chegou a facer en certos lugares compartidos por equipamentos ao servicio de distintas cadeas: para evitar receos, cercáronse cunha forte tea metálica, armada nas esquinas e con porta e cadeado…
Iso é algo que se puido pagar quizais nuns cantos montes; pero o que non se vai dar pagado é a separación por medios semellantes das distintas redes que se están a meter nos edificios de vivendas.
E algo cómpre facer, porque eu xa fun víctima do que segue:
No edificio en que moro hai servicio de dúas empresas de telecomunicación, unha das cales chega co seu cabo ata a miña vivenda.
Recentemente faltoume o servicio, reclamei e o meu subministrador logo respondeu, para detectar que a avaría fora causada por manipulación allea (supostamente dos técnicos da outra compañía).
Por tanto, a que me serve desentendeuse da garantía do servicio e cargou a reparación na miña conta.
Agora, se non a pago, hame cortar o servicio.
E non lle vou reclamar nada á outra porque, sinxelamente, me pode responder que os seus técnicos non son os únicos en accederen a cuartos e chemineas comúns de instalación.
Isto (tomen nota os lectores) está así cun par de empresas explotadoras de licencias. Agora imaxínese a barafunda cando en cada edificio traballen media ducia delas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/05/2001]

Share

Deixar unha resposta