Nova Galicia (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/05/2001)

Leo con gusto e desgusto o que escribe en El Ideal Gallego o doutor (de veras, con diploma por tese sobre augas) Fausto Galdo, amigo e confrade da máis secreta e influente das vínicas confrarías.
Con gusto porque sabe de guisos como poucos; e con desgusto porque, sendo falante e lente en galego culto, a penas dá título galego aos seus escritos para se vencer á insipidez dun castelán ao que lle cómpre facer incrustacións galegas para dar saibo, coma as especias que propón botar mesmo nos porotos (fabas) do Cono Sur americano.
A razón desta columna é responder á mención derradeira que fixo o pasado domingo na páxina de El Ideal titulada A folla do pirixel; concretamente na sección A carón do lume.
Certo, querido irmán na —xa dixen— críptica irmandade, que a globalización é algo que me fai vivir, pois é obriga do enxeñeiro de telecomunicación “dar comunicado calquera persoa ou máquina lóxica situadas en calquera punto do Universo con calquera outra persoa ou máquina lóxica situadas en calquera outro, en calquera momento e sempre que o permitan as condicións de propagación dos sinais electromagnéticos”.
Ata aí, todo ben. Pero pouco máis, porque entendo que, se no telemático mundo de hoxe non hai distancias, si debe haber mundiños diferentes para non tolearmos.
As latitudes austrais de Chile —segundo dis na túa páxina, e confirmo— teñen moito de semellante coas boreais equivalentes de Galicia.
Pero pouco máis. Quen lles dera aos chilotes da Nova Galicia unhas ameixas tan suaves coma as da ría de Ferrol.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/05/2001]

Share

Deixar unha resposta