DDV (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/05/2001)

En principio foi a radio, co seu son por veces pataqueiro.
Despois, a televisión –tan deostada– veunos traer o cine á casa, e mudounos a vidiña de bata e chinelas. Un día pintáronnola de cores.
Pasaron os anos e produciuse o milagre do magnetoscopio caseiro, que demos en chamar “vídeo”. Loitaron os formatos de Beta e VHS, cruzaron espadas os grandes monstros de Xapón e da Europa, vimos os poderes de Sony e Philips e, finalmente, impúxose un deles.
Hai tres lustros armouse moito barullo acerca da televisión de alta definición, capaz de ofrecer ao ollo as perfeccións do cinema rodado en formato de 35 milímetros.
Gastáronse billonadas no invento, e Xenebra, xunto con Las Vegas lugar de encontro desas marabillas, quíxonos mostrar o que parecía inexorable.
Unha vez máis, como sempre na historia da aplicación da tecnoloxía, a aposta resultou excesiva. A xente non demandaba tanto.
E foron emerxendo a propio impulso as técnicas de gravación e reproducción sobre disco “óptico”, xunto coas de dixitalización de sinais e compresión de datos…
Hoxe, con independencia do que nos vaia traer a televisión dixital, paga a pena andar con tempo porque chegou ás casas o sistema de reproducción baseado no disco dixital “versátil”:
Nunca tanta calidade de imaxe e son puideron ofrecer vulgares televisores e cadeas da audio gobernados por un equipiño de DVD (DDV en versión latina). Nunca de tal versatilidade se gozou na escolla de idiomas e subtitulados.
Había moito que o audiovisual non daba un salto “cuántico” coma este.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/05/2001]

Share

Deixar unha resposta