Malia a gripe (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/05/2001)

Sigo a recibir notas dos lectores destas columniñas. De Ortigueira –vía datagrama– chega severa reprimenda por ter dito que a Casa del Hombre da Coruña é algo entre a parvada e a (perdón, señoras damas) conachada.
Rectifico: é algo para cativos, metido nun edificio curioso e grandioso…
Sigo con gripe, a curala segundo recomendación de Antonio Campos Romai, con aspirina e viño tinto. Bebo un alentexano con sabor a terra e madeira de carballo. A mente voa cara a aquela mocidade que se foi co monóculo do xeneral Spínola e co Cerillita no cadaleito. Tamén morreu José Afonso das esperanzas iberistas, o que cantaba “Ó Alentejo vermelho, cor da bandeira sonhada”. Nestes días nin comunista paga a pena ser.
Griposo, repaso as memorias inmediatas, as do pasado día 30, e dou gracias á vida madura que me cadrou vivir; sobre todo cando lembro as escuridades da miña primeira vida chea de dictadores, e as recordacións dos meus maiores, que tanta guerra viviron.
En Ferrol, don Manuel e o Xaime Vello discreparon en democracia, institucionalmente. Ese día comezara para min cunha longa discusión entre economistas, mariños e telemáticos, sobre algo que atinxe a todos: a seguranza no mar.
Tivo un alto de xantar con Terras do Gargalo, mencía de Monterrei, mentres se falaba de programación orientada a obxectos.
E rematou coas infinitas respostas ás inacabables preguntas dos investigadores universitarios da Noruega que queren saber de Ferrol e de Galicia:
Un pracer de vida activa, mesmo padecendo a vulgaridade atroz da gripe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/05/2001]

Share

Deixar unha resposta